Experimentando con bancais Hugel Kultur

Nunha zona da finca, onde antes había unha plantación de eucaliptos, e que tiñamos desaproveitada, á espera de que o solo se fose rexenerando, xa que os eucaliptos son moi voraces, decidímonos a ir experimentando novas técnicas.

Coa axuda de Miguel Ángel, de Os Biosbardos - Cultura de leira, empezamos a facer uns bancais ca técnica de Hugel Kultur, un procedemento austríaco, co que se asegura o auto abonado do bancal durante varios anos.

Esta técnica está probada que dá moi bos resultados tanto en climas secos como húmidos.


Con éste sistema, pódemos aproveitar para desfacernos dos restos de podas de árbores que teñamos na finca, e desta maneira evitamos facer queimas.


Empezamos rebaixando o terreno axudandonos da motoazada, e apartamos a terra que imos quitando para os lados.

A continuación incorporamos os troncos ou ramas máis gordas, desta maneira iranse descompoñendo pouco a pouco. Émellor botar madeiras brandas, que se descompoñerán antes, pero podemos botar calqueira.

Estes troncos tamén se irán empapando de auga, creando unha reserva de auga subterránea para os nosos cultivos.

De seguido incorporamos ramas máis delgadas, e unha capa de palla.


Logo engadimos unha capa de herba recén cortada, ortigas e compost para que actúen como acelerante da descomposición. Tamén lle botamos un pouco de esterco.


Incorporamos unha segunda capa de palla e cubrimos todo ca terra que tiñamos reservada.


Finalmente rematamos acolchando o bancal cunha capa de palla.


Dentro duns meses empezaremos a plantar, a ver que resultado temos.


Esperamos que vaia mermando e reducindo a súa altura, a medida que se vaia descompoñendo, así que teremos que ir facendo aporte de materia de vez en cando.

Comentarios

Publicacións populares