Produtos externos

 En Finca O Castelo non só comercializamos os nosos propios produtos, tamén temos como complemento produtos de outros pequenos produtores cos que colaboramos.

MEL LOMBA ROSA

O mel é un produto natural,  terapéutico, con propiedades nutricionais, fonte de enerxia e reforza o sistema inmunitario. Hai moitos pequenos produtores que elaboran un mel de excelente calidade. Tal é o caso do noso amigo Suso, de Baroña.


 Suso conta con máis de 300 colmeas que nun principio tiña instaladas no corazón da Serra do Barbanza, a poucos metros do Castro de Baroña, onde de seguro, tamén os castrexos recolectaban o mel. 

Este ano, por mor da vespa velutina, tivo que migrar cas colmeas para o corazón do Courel, onde agora as abellas aliméntanse das árbores da contorna. Un entorno libre de contaminación onde moitas das colmeas están situadas dentro de vellas albarizas para protexelas dos ataques dos osos.


Ainda así tamén segue mantendo colmeas na Serra do Barbanza.

O mel Lomba Rosa prodúcese de maneira totalmente natural, sen recurrir a elementos alleos para aumentar a produción. Se as abellas producen, ben, senón xa producirán cando queiran.

Actualmente comercializamos mel de eucalipto e mel de brezo e castiñeiro.

CÍTRICOS E AGUACATES DE VALENCIA

A finais do inverno e principios da primavera, traemos, xunto cos compañeiros doutras explotacións, laranxas, limóns, mandarinas, pomelos e aguacates da zona de Valencia. Directamente dos produtores, e sen tratamentos postcolleita. Non levan parafinas, nen pasan por cámaras.


 Nestas compras pagámoslle un prezo xusto ós produtores, engadímoslle o custo do transporte e vendémolas cun mínimo marxe ós nosos clientes a un prezo moi competitivo. O máis importante é vender un produto de calidade e apoiar ós produtores coma nós, porque ben é sabido que moitos están arrincando as súas plantacións de cítricos debido ós prezos de miseria que lles pagan as grandes plataformas.

 

Na folla de prezos, xa indicamos claramente que son de fora da Reserva da Biosfera, marca á que estamos adscritos.

 PATACAS

Desgrazadamente non temos tanta superficie para ter pataca todo o ano, así que en canto rematamos a da nosa produción, traemos pataca de distintas zonas, procurando sempre que teñan unha boa calidade.

Pataca de Xinxo da Limia, de Cartaxena, de Valladolid, etc...

Asimesmo tamén indicamos claramente que son externas á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.


MARMELADAS, MARMELOS E COMPOTAS AMORIÑAS DAS SILVEIRAS

Elaboradas pola nosa amiga Coqué en obradoiros compartidos autorizados, utilizando produtos de proximidade e con azucre de cana sen refinar, ecolóxico e de comercio xusto.

Comentarios

Publicacións populares