Proxecto O Castelo



Finca o Castelo naceu como un proxecto de autoemprego e a raíz da inquedanza de sacar da terra alimentos saudables sen usar ningún produto perxudicial para as persoas nin para o medio ambente.

En Finca O Castelo procuramos levar adiante unha agricultura sostible e orgánica, intentando ser autosuficientes.

Reciclamos os restos orgánicos da finca (material de desbroce, restos de poda, excedentes de productos) e da nosa casa para elaborar compost co que abonamos a nosa terra.

Gran parte dos elementos auxiliares, depósitos, compostadoras, niños, tutores, etc..., fixéronse con materiais reciclados (reciclado de depósitos, pallets, madeira talada no momento do desbroce, etc...), reutilizando o máximo posible e evitando consumir novos recursos.


Utilizamos exclusivamente abono orgánico procedente de pequenas explotacións ou de particulares que crian os seus animais que nolo ceden desinteresadamente.

Fomentamos o establecemento e supervivencia da fauna auxiliar, que nos axudará a controlar pragas de insectos perxudiciais, creando refuxios para anfibios e reptís, e nidos para os paxaros.
De momento, xa contamos con varios residentes.

Utilizamos asociacións de cultivos beneficiosos e a asociación con plantas aromáticas para evitar a proliferación das pragas.

Para combater enfermidades e fungos utilizamos só tratamentos ecolóxicos, fundamentalmente a base de estrugas, cola de cabalo, extractos de aromáticas, etc... Evitando totalmente a utilización de productos químicos.

Pensamos que é mellor producir menos pero con máis calidade e sabor, que moito e que non sepa a nada e ademáis esté contaminado químicamente.

Os nosos produtos van diréctamente da horta para a vosa casa. Unha agricultura de proximidade, na que ademáis de aforrar custes innecesarios en transportes, contribue a evitar a contaminación xerada precísamente por eses medios de transporte, á vez que deixa os beneficios a niveis locais e comarcais.

Queremos acabar ca idea de que os produtos cultivados de forma orgánica son máis caros ca os cultivados de maneira convencional (usando productos químicos e agrotóxicos), unha idea implantada por moitos intermediarios que son os que se quedan ca guinda do pastel.

E por qué o nome de Finca O Castelo?: Cando un nace nun pobo tan fermoso como Palmeira, e por circunstancias da vida ten que residir noutro lado, sempre lle gustaría ter un cachiño do seu pobo alí onde él está. O Castelo é un promontorio a carón do mar no pobo de Palmeira - A Coruña, onde ata mediados do século XV erguíase unha fortificación que foi derrubada nunha das Revoltas Irmandiñas por Pedro Madruga. Hoxe en día, no alto desas pedras érguese a estatua do emigrante que simboliza a diáspora do noso pobo. Así que nós temos un cachiño de Palmeira en Leiro-Abegondo.


Comentarios

Publicacións populares